Friday 03 de May de 2024

A Xunta investiu máis de 124.000€ na mellora das infraestructuras turísticas de cinco concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte


― A Xunta financiacon esta orde actuacións de mellora das infraestruturas turísticas coas que o Goberno galego avoga pola consolidación do turismo nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística

― Estes apoios forman parte do Plan Camiña, que inclúe medidas de apoio ás empresas do sector turístico galego, ás entidades locais e ao turismo familiar, ás universidades e ás entidades sen ánimo de lucro

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, supervisaron, esta mañá, as obras levadas a cabo no centro de recepción turística para roteiros no Esteiro do Anllons, que contou cunha axuda da Xunta de máis de 30.000 euros.

Na primeira parte da actuación levouse a cabo a rehabilitación do ben inmoble que unha vez acondicionado, servirá como centro de recepción de turistas contando con oficina, almacén de material, aseos e vestiarios a dispoñibilidade dos usuarios. O proxecto tamén contemplou a sinalización das roteiros BTT, empregando cartelería e sinalización adecuada ás esixencias da normativa. Con estas actuacións consíguese poñer en valor e aumentar o atractivo turístico da zona, promovendo un tipo de turismo respectuoso co medio ambiente, mediante accións con impactos negativos (ambientais e visuais) mínimos.

Na súa visita o representante do Goberno autonómico recalcou que esta obra foi posible grazas á orde de apoios dirixida aos concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas que repartiu máis de 124.000 euros o ano pasado para apoiar actuacións nos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Corcubión e Dumbría.

O Goberno galego aposta con estas subvencións polo fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos destes municipios co obxectivo de consolidar a oferta turística destas zonas a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

A Xunta conta na convocatoria deste ano cun millón de euros para levar a cabo as actuacións de embelecemento e posta en valor dos recursos turísticos cun importe máximo por solicitude de 30.000 euros.

Entre as actuacións subvencionables inclúense actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos con proxectos relacionados coa recuperación e o tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos; a súa iluminación ornamental; a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou roteiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.

A orde tamén abarca a financiación do embelecemento dos bens declarados de interese cultural (BIC) ou cun procedemento de declaración xa iniciado a través do embelecemento de vías, o ocultamento de contenedores de residuos ou a eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións. Ademais, serán subvencionables outras iniciativas de posta en valor turístico dos recursos como a súa rehabilitación ou restauración para destinalos a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas e a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

A maiores, a través da convocatoria poderase colaborar cos concellos solicitantes en melloras de accesibilidade aos recursos turísticos eliminando as barreiras arquitectónicas e a súa sinalización.

Esta orde de axudas forma parte do Plan Camiña, co que o Goberno galego continuará a apoiar a reactivación do turismo galego aproveitando a oportunidade deste Ano Santo Dobre. Xunto con medidas encamiñadas a apoiar ás entidades locais coma esta convocatoria, a Xunta manterá o seu compromiso coas empresas turísticas para que melloren os seus establecementos e incrementen a súa calidade e a formación do seu persoal. O Plan Camiña tamén inclúe medidas coas que fomentar o turismo familiar e destinadas ás universidades galegas e ás entidades sen ánimo de lucro.